top of page

Teatro En Punto é unha compañía que comezou a súa traxectoria no ano 1996 co nome de Teatro Bruto. Nesa primeira etapa acometeu as montaxes Cachorros sen domesticar (1996), Interruptus I, II e III (1997-1999, en colaboración con Pífano, S.L.), Detritus Corazón (1997), Ninguén chorou por nós (2000), EN PUNTO (2002) e Agnus Patris (2003). En 2007 muda o cadro de integrantes da compañía, permanecendo nela Gloria Rico, socia fundadora.

 

A filosofía da compañía baséase nunha concepción do teatro en tanto que manifestación artística que, como tal, debe facerse eco do momento presente, do aquí e do agora que vivimos. Entendemos que o teatro debe escoitar as vangardas, debe relacionarse con outras disciplinas, pero sen esquecer en ningún momento que tamén debe chegar ao público, destinatario último e único do noso traballo.

 

O noso obxectivo apunta cara a ese lugar de encontro entre os temas de actualidade e unha posta en escena que sexa actual tamén. Pero… que podemos considerar que é, hoxe en día, unha posta en escena contemporánea cando, realmente, pouco ou nada queda xa por facer sobre as táboas? Para TEP, a contemporaneidade atópase na difícil tarefa de descubrir, día a día, cal é o noso lugar no aquí e no agora e, en consecuencia, adaptar a iso as nosas producións. Velaí o celme do teatro.

bottom of page