top of page
Cambios de destino Foto2.JPG
Cambios de destinoFoto1.JPG
Cambios de destino Foto 3.JPG

Cando Rubén Ruibal, Premio Nacional de Teatro, nos presentou a Flor, a protagonista de Cambios de destino, pareceunos que a súa era unha historia que condensaba moitos dos problemas máis salientables de hoxe en día no individuo occidental, en especial nas mulleres que comparten con ela franxa de idade: a soidade; a incomunicación; o sometemento involuntario, ou máis ben inconsciente, aos desexos dos outros e, sobre todo, “do outro”; en definitiva, a falta de coñecemento persoal e a necesidade de explorar e reforzar os gustos, as necesidades e os intereses propios.

O contraste entre o mundo rural e o urbano. A itinerancia como modo de vida.

O descoñecido como único destino. Son algunhas das características coas que nos atopamos todas as persoas no noso día a día, aínda que ás veces non nos paremos a observalas nin a reflexionar sobre elas, pois a velocidade á que os novos medios de produción e comunicación están facendo cambiar a sociedade actual é tan grande que só en escasas ocasións nos paramos a pensar, ou simplemente a observar(nos), para darnos de conta de todas as transformación que estamos experimentando, se non é que as experimentamos xa. As poucas “reservas” que aínda quedan do mundo rural, que aínda non alteraron demasiado os seus ritmos, os seus costumes… en definitiva, a súa cosmovisión, son un excelente punto de comparación e un inmellorable lugar de análise, por iso nos pareceu que ubicar a esta Flor, tan urbana, nun descoñecido mundo rural podía ser moi revelador. Polo xeral, os contrastes aportan en claridade o que restan en matices. Iluminan máis do que simplifican. No descoñecido, na desprotección, sempre se aprende, e por iso Flor empeza a evolucionar xusto cando se atopa lonxe do seu mundo e da súa xente, nunha nova casa que non sabemos se chegará a facer súa.

Para a posta en escena pareceunos importante traballar coa mínima escenografía posible, pois Flor ten que viaxar coa mínima equipaxe e, sobre todo, tense que ir liberando de cargas acumuladas innecesarias. Tamén, por análoxía con esta proposta, e porque nos parece necesario ter capacidade de adaptación a todo tipo de lugares de representación, decidimos limitar ao máximo os recursos técnicos. En definitiva, intentamos facer unha montaxe maleable porque hoxe, máis que nunca, a sociedade e o teatro están cambiando, e nós debemos avanzar con eles.

bottom of page